accesskey_mod_conten
Bar separa corpo da cabeceira
13/02/2018

Os mutualistas poderán solicitar por internet o subsidio por incapacidade temporal

A medida, incluída no Plan de Impulso de MUFACE, elimina a obrigación de facer a solicitude de forma presencial e beneficiará anualmente a unhas 20.000 persoas

Un beneficio para vinte mil persoas

Os mutualistas en situación de incapacidade temporal, risco durante o embarazo ou risco durante a lactación natural xa non terán que desprazarse persoalmente ás oficinas de MUFACE para solicitar a contribución económica prevista para estas continxencias. A partir de agora, poderán realizar a solicitude de forma telemática a través da sede electrónica da Mutualidade, https://sede.muface.gob.es , utilizando os procedementos de identificación previstos para a tramitación electrónica.

Esta medida, que se enmarca dentro do obxectivo de eliminación de trabas e axilización de procedementos previsto na Lei de Procedemento Administrativo, supón un notable avance en termos de xestión e económicos, ademais de ter un gran impacto entre os mutualistas, xa que, no caso de MUFACE, as solicitudes de subsidio por Incapacidade Temporal (IT) alcanzaron en 2017 a cifra de 21.643.

Ademais de supor a eliminación de trámites e a mellora da prestación aos mutualistas, a solicitude telemática das IT entraña un aforro anual de ao redor de 1,5 millóns de euros, segundo os baremos estipulados no Plan de Simplificación Administrativa de 2015, e é o primeiro paso dun proceso xa iniciado de ampliación dos servizos da sede electrónica de MUFACE, na que está previsto integrar todos os procedementos de prestacións que ata agora se procuraban por outros medios.

No entanto, aqueles mutualistas que prefiran solicitar os distintos subsidios polas canles habituais, poderán seguir facéndoo obtendo os impresos da páxina web da Mutualidade (“Descarga de impresos”).

O desenvolvemento da solicitude telemática do subsidio por IT, que levaron a cabo os departamentos de Prestacións Sociais e  de Informática de MUFACE, é unha das 25 medidas establecidas no Plan de Impulso da Mutualidade, así como un dos obxectivos recolleitos no Plan Transform@ dentro do programa de simplificación de trámites, a súa transformación a formato electrónico e de achegamento da Administración ao cidadán.

PARA SOLICITAR SUBSIDIOS POR IT/RE/RLN:

https://sede.muface.gob.es/